Piscina de Vilar de Santos

A Piscina Municipal de Vilar de Santos emprega desde o ano 2010 o sistema de cloración mediante electrólise salina.

 

A de Vilar de Santos foi a primeira piscina da provincia que empregou este sistema. A electrólise salina é un sistema que xera cloro a partir do sal común, que é o único elemento que hai que repoñer. O proceso funciona da seguinte maneira. A auga entra na depuradora para súa limpeza, pasa tamén polo Clorador Salino que cuns eléctrodos desinfectan a auga, mediante a electrólise. Desta maneira, a auga volve á piscina limpa e sen impurezas cun resultado óptimo, sen empregar produtos químicos.

Os usuarios da piscina van nadar en auga salgada e aproveitan a sensación de ter auga similar á do mar, aínda que cunha concentración salina inferior, pero cos seus beneficios. A acollida e satisfacción ten sido plena desde a posta en funcionamento cun incremento significativo de usuarios ano a ano. O obxectivo é garantir e seguir avanzando na calidade e o benestar de todos os usuarios que utilizan a instalación.

Este sistema aplica medidas de aforro e eficiencia enerxética mediante un sistema ecolóxico, seguro e sostible que ten posibilitado aforros do 80% no mantemento, evita a compra, o almacenamento e a manipulación de produtos químicos que xa non son necesarios e reduce o consumo de auga.

Este ano ultimáronse melloras de mantemento no vaso da piscina e tamén de xardinería.

Novidades

Como novidade, o Concello ampliará este verán a súa oferta de actividades,  incorporando a psicomotricidade acuática na piscina baixo a supervisión do equipo interdisciplinar do Centro de Atención de Persoas Maiores e a socorrista e continuar co proxecto “Saber envellecer” co obxectivo de prevención da dependencia, fomento da autonomía persoal e mantemento da saúde que levamos a cabo desde outubro.

Ademais todos os veciños e usuarios poderán utilizar as instalacións e os servizos que ofrece o Concello ao longo do verán na Biblioteca, no Telecentro con Zona WIFI gratuíta, na zona infantil de xogos e na Pista Polideportiva anexa ao longo de todo o verán.