Esixirán, mediante iniciativa lexislativa popular, unha renda mínima garantida de 426 euros para os parados que non perciban ningún ingreso ou leven máis dun ano buscando traballo.

Os datos do paro rexistrado nas oficinas do Servizo Público de Emprego no mes de xuño para CCOO poñen de relevo que a mellora do emprego mantén a constante da súa ligazón estacional, agora cunha baixada de 881 persoas, das cales 510 (57,88%) corresponden ao sector servizos. Outra constante negativa que se mantén é a temporalidade, xa que de tódolos contratos realizados, só o 8% foron indefinidos.

Así mesmo, explican que nos últimos anos de crise a tónica do emprego en Ourense segue sendo a mesma “nos meses nos que a actividade turística estacional alcanza o os picos altos, o paro descende lixeiramente no sector servizos”.

Por iso, dende CCOO de Ourense reafírmanse na súa reiterada postura crítica e discrepante “coas erráticas, inxustas e fracasadas políticas laborais estatais e autonómicas”. E salientan que “hoxe en día, tanto na provincia coma no estado, a realidade ordinaria é a da precariedade, a da baixada dos salarios, a da destrución do emprego e a da temporalidade”.

Ademais, consideran que “a recuperación económica e a súa calidade, oficialmente tan publicitada a bombo e platillo, debe seguir sendo claramente cuestionada”. Así, o sindicato prepara unha campaña na que, a través dunha iniciativa lexislativa popular, esixirá xustiza social para os máis febles a través do impulso dunha Renda Mínima Garantida en todo o Estado, “que atenda as necesidades da cidadanía e especialmente das persoas máis afectadas pola crise económica. Unha prestación de 426 euros máis un complemento por cada familiar á cargo, para as persoas en desemprego que non perciban ningún ingreso ou leven ao menos doce meses rexistrados como demandantes de emprego”.