A explosión tivo lugar pouco antes das 20 horas.

Tres persoas faleceron a consecuencia dunha explosión esta tarde na pirotecnia Abad de Berán, no municipio de Leiro, segundo informaron fontes da Garda Civil. Os falecidos son o propietario do negocio, a súa muller e unha empregada, aínda que terá que ser o forense o que determine as identidades dos corpos.

A explosión tivo lugar pouco antes das 20 horas e puido escoitarse ata a tres quilómetros de distancia, informaron os veciños. A primeira chamada ao 112 alertando da explosión produciuse ás 19:50 horas, a partir da cal se mobilizaron os servizos de emerxencia, segundo confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que se achegou ata o lugar do sinistro acompañado do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández. Foi un único estoupido que se escoitou nun amplo radio da acción, o que ocasionou que minutos despois houbera repetidas chamadas de veciños da zona ao teléfono de emerxencia.

Os primeiros en acceder ao lugar do sinistro foron os TEDAX (especialistas en desactivación de explosivos), “para determinar la cantidad de material para asegurar el perímetro y que se puedan empezar las investigaciones”, engadía Villanueva. Será despois a Policía Xudicial da Garda Civil a que leve a cabo a investigación para averiguar as causas deste suceso, “en principio un accidente laboral”.

Tamén se agardaba no lugar de Agra, onde se sitúa esta pirotecnia, a chegada de psicólogos do Grupo de atención psicolóxica en catástrofe da Xunta de Galicia. O vicepresidente Alfonso Rueda precisaba que “en estos momentos, aparte de investigar, lo prioritario es atender a los familiares ante un trance durísimo”.

O Concello de Leiro decretou tres días de loito oficial. Segundo informou o rexedor na mañá deste venres, os corpos están xa no complexo hospitalario ourensán á espera de realizarllelas autopsias.

Accidentes anteriores en pirotecnias
O de Pirotecnia Abad súmase a unha triste lista de accidentes con falecidos en pirotecnias ourensás. En 2003 producírase un accidente de tráfico no que se vía implicado unha furgoneta desta empresa, e a explosión do material pirotécnico causaba a morte de dúas persoas.

No ano 2010, houbera un morto nunha explosión na pirotecnia Josman da localidade de Cambeo, Coles, onde tamén faleceran outras tres persoas noutro incidente en 1997 e sete máis en 1987. En 2006, dous irmáns morreran tras unha explosión nunha pirotecnia en Melias, Pereiro de Aguiar.