Francisco González, no pleno

Os populares aprobaron en solitario no pleno deste venres o réxime de persoal eventual do Concello de Ourense.

11 postos conformarán o persoal eventual do Concello de Ourense no mandato que comeza, seis deles no grupo de goberno, o que supón unha redución do 30% con respecto ao persoal que traballaba para o anterior Goberno municipal.

O réxime de persoal eventual do Concello de Ourense foi aprobado en solitario polo grupo popular no pleno ordinario de xullo deste venres, aínda que as contratacións demoraranse alomenos 15 días, prazo de exposición ao público do acordo. A oposición abstívose ao considerar inaxeitadas as “formas” nas que se presentou esta moción, apenas minutos antes de comezar a sesión plenaria, o que non lles permitiu estudar o expediente.

O voceiro popular, Francisco González, explicou que a proposta fora aprobada na véspera pola Xunta de Goberno local e que se non se presentou antes aos grupos foi “porque non dispuxemos antes dos informes técnicos preceptivos”. En todo caso, González Buján puntualizou que o acordo responde ao xa falado cos voceiros dos grupos da oposición.

Así, o grupo de goberno do PP contará con seis persoas de confianza: un xefe de gabinete de alcaldía, que terá unha retribución do 80% do soldo dun concelleiro con dedicación exclusiva (que é de 45829 euros brutos anuais), un asesor de política de comunicación, cun salario do 70% das retribucións dun edil con dedicación exclusiva, 2 asesores políticos, tamén cunha retribución do 70% do salario dun concelleiro, e outros 2 auxiliares políticos, que cobrarán cada un un 45% das retribucións dun edil. Os nomes de quen ocuparán estes postos compétenlle ao alcalde.

Canto á oposición, Democracia Ourensana contará co apoio dun asesor político e dun auxiliar político, os mesmos que o PSOE pero neste caso cunha dedicación parcial de 0,75% de xornada. E a Ourense en Común tocaralle un auxiliar político a xornada completa.

Menor custo do persoal eventual
En total, o persoal eventual custará ás arcas municipais ao redor de 300.178 euros anuais, fronte aos 373.062 do anterior mandato. Daquela o grupo de goberno socialista contaba con nove persoas de confianza, entre director de comunicación, dúas secretarías de alcaldía, dous auxiliares de grupo político, dous técnicos de comunicación, un técnico asesor municipal e un chofer, que tiñan un custo anual de 270.820 euros, mentres que na oposición traballaban catro persoas de libre designación, cun custo de 102.242 euros.

Agora, o persoal de confianza do Goberno popular (6 persoas) cobrará en total 174.149 euros, mentres que os cinco que traballarán para a oposición percibirán en conxunto 126.029 euros.