Levarán ao Parlamento a vindeira semana as súas reivindacións sobre o réxime modular de adultos.

 

Xesús Fortes, profesor do CIFP Portovello que estivo presente durante a sesión plenaria do Concello de Ourense, afirmaba ao remate que marchaba “moderadamente satisfeito” coa aprobación da moción por tres forzas políticas.

“Estamos moi satisfeitos de que se teña tratado aquí neste foro un problema que afecta a persoas con nome e apelido da nosa cidade, e tamén a persoas que no futuro poderán ou non estudar este tipo de modalidade presencial que dá saída a persoas que non terían encaixe noutro”, opinou. Ante a abstención de Democracia Ourensana, “non valoro porque no fondo é cuestión dun grupo político que terá as súas motivacións detrás”, dixo.

Fortes explicou que nos tres ciclos afectados a matrícula roldaba as 120 persoas. “Non estamos falando de máis ou menos números, porque penso que as ratios se cumplen, estamos falando de dereitos, seríamos a única provincia que quedaría sen esta modalidade”.

No casos particulares dos ciclos superiores de Educación Infantil e de Finanzas, o docente rcoñece unha “sobreoferta” pero lamenta que “non se racionaliza no lugar onde se produce, no réxime ordinario onde hai dúas liñas adultas”, senón no réxime de adultos, “que afecta a unha poboación máis desfavorecida. Ademais, resalta, o alumnado de réxime ordinario ten “máis adaptabilidade” para estudar mediante unha plataforma dixital, mentres que o de réxime adulto ten maior dificultade “por competencias e recursos”.

En canto ao Ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia era un título “en vías de consolidación”, con apenas tres anos de vida, que no seu segundo ano remataron 6 alumnas e neste último xa foron 13. É preciso cursar tres anos para obter titulación (dous anos de formación no centro educativo e uns meses en centro de traballo) pero coa particularidade de que se imparte en réxime modular e permite un maior número de convocatorias. “A xente matrículase módulo a módulo e por tanto pode alongar os seus estudos en función das súas circunstancias, cousa que non pasa no réxime ordinario que te matriculas do curso completo”, relata o profesor. Adáptase así ao perfil do seu alumnado: “xente que traballa no sector do coidado a persoas, algunha dela en infraemprego, con horarios tremendos” ou ben “que ten responsabilidades familiares”.

Ao Parlamento
O claustro de profesores levará ao Parlamento galego o vindeiro mércores as súas reivindacións; alí serán escoitados por diferentes grupos políticos para abordar esta problemática na Cámara galega.

Tamén desde a Alcaldía de Ourense estanse a levar adiante xestións coa Consellería para intentar conseguir unha solución para todo o alumnado.