O Servizo Galego de Saúde explica ao alcalde de Barbadás que na actualidade estanse ultimando os trámites para a adxudicación das obras do centro de saúde nos terreos cedidos polo Concello.

 

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, enviou un escrito este venres ao alcalde do concello de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, en resposta á solicitude do Concello dunha posible reformulación urbanística para a construción dun novo centro de saúde no lugar de Valenzá e a intención municipal de buscar outros terreos.

A este respecto, o Servizo Galego de Saúde lembra que na actualidade estánse ultimando os trámites para a adxudicación da obra nos terreos cedidos polo Concello e para o que se conta coa licencia municipal concedida. Por tando, un cambio de terreos onde se levará a cabo a construción do centro de saúde implicaría, lóxicamente un cambio de proxecto básico de execución para adaptarse ás condicionantes dunha nova parcela.

Tamén suporía que os trámites de licitación levados a cabo ata o momento deberían paralizarse dado que as licitacións de obra pública lévanse a cabo en base a un proxecto arquitectónico concreto.

No escrito enviado ao alcalde Barbadás, tamén se especifica que “no que se refire á dispoibilidade orzamentario e á continuidade desta, calquera resposta estará condicionada pola información que pode trasladarse desde o Concello sobre cal sería o prazo para dispor dunha nova parcela”. E engade que en todo caso “sería necesario contratar un novo proxecto de execución da obra e porteriormente iniciar os trámites de licitación da mesma”.

En calquera caso, o Sergas solicita ao Concello “unha definición clara dos extremos apuntados e sobre a solicitude da paralización das obras deste centro de saúde” á maior brevidade posible.