Ledicia Piñeiro, no pleno

Aprobaron unha moción de Ourense en Común para instar á Xunta a que reconsidere a supresión do réxime modular para adultos. DO abstívose.

 

A corporación ourensá apoiará as demandas do CIFP Portovello ante o Goberno galego para que dea marcha atrás na supresión do réxime modular para adultos previsto para o vindeiro curso. A proposta partía dunha moción de Ourense en Común presentada no pleno ordinario de xullo deste venres. Foi emendada polo PP, e recibiu os votos favorables de PP, PSOE e OueC.

A propoñente da moción, Ledicia Piñeiro, explicou que a decisión da Consellería de Educación provocaba unha “situación discriminatoria” para o alumnado que estaba a cursar os ciclos afectados e que ademais deixaba a Ourense como “única provincia que non contará cunha oferta completa nas tres modalidades” (ordinaria, modular para adultos e a distancia).

O edil socialista, José María García Tejerina, demandou que o alumnado xa matriculado “pueda continuar un año más para recibir su titulación”, e a edil de Educación, a popular Belén Iglesias, matizou que aínda que o Concello de Ourense non ten competencias neste eido, “responsabilidad sí” e por iso a súa emenda vai na liña de instar a Educación a que dea unha solución individualizada a cada un dos estudantes afectados. Ante isto, Ledicia Piñeiro reclamou “unha solución colectiva para todos os alumnos e unha resposta de futuro para a provincia” pero finalmente aceptou a emenda popular.

Democracia Ourensana abstívose, na súa liña de rexeitar o debate de mocións nas que se insta a outras adminisstracións a tomar medidas. “Desde aquí no se puede hacer nada, este tipo de mociones es un insulto a los ciudadanos de Ourense”, valoraba o seu voceiro, Gonzalo Pérez Jácome.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos, Manuel Álvarez, de DO; pediu a reparación da beirarrúa da marxe dereita da avenida Marcelo Macías en dirección ao Posío.

En preguntas , Miguel Doval, de OueC, preguntou a que se debera a urxencia na demolición da vivenda de Reza e quen decidiu retirar a cimentación da casa cando non figuraba no proxecto de derruba. José Ángel Vázquez Barquero, do PSOE, interesouse polo proxecto de expropiación das Burgas no ámbito do antigo cárcere, e Carmen Rodríguez Dacosta, tamén do PSOE, quixo saber por que estaban paralizadas as axudas de emerxencia social. O alcalde respostoulles cun “terá vostede debida resposta”.