O novo goberno realizou cambios na baremación para ter en conta «só criterios obxectivos» e suprime a entrevista persoal que existía en bases anteriores.

 

Este martes ás 20 horas celébrase o primeiro pleno ordinario no Concello de Barbadás co novo goberno.

Entre os asuntos incluidos na orde do día figura unha declaración de servizos prioritarios e urxencia de contratación de persoal. O goberno de Barbadás acaba de presentar unha convocatoria para tres prazas na Escola de Música Municipal para profesores de violín, piano e linguaxe musicall, e vén de modificar as bases de contratación persoal. Nas novas non se recolle entrevista persoal, que si estaba incluída nas anteriores.

Para o rexedor, Xosé Carlos Valcárcel, “un dos obxectivos do novo goberno é acabar co obscurantismo e a ocultación na contratación de persoal. As modificacións introducidas van nese camiño, favorecendo a transparencia e fomentando os principios de igualdade, mérito e capacidade”.  Segundo o tenente alcalde, Xosé Manoel Fírvida, “o novo baremo tan só contempla méritos obxectivos dos concurrentes, onde se valora a experiencia profesional, a formación especializada relacionada co contido do posto de traballo, a titulación superior á esixida e o coñecemento da lingua galega. O tribunal pasa a estar formado única e exclusivamente por profesionais relacionados coa materia en cuestión, neste caso, profesores de música de conservatorios”.

Estas bases de contratación foron enviadas aos sindicatos maioritarios e por primeira vez en Barbadás foron aprobadas pola Xunta de Goberno, o que permitirá á oposición do concello ter coñecemento inmediato das mesmas. 

Regulamento de participación veciñal

Tamén figura na orde do día a aprobación inicial da Ordenanza de Participación Veciñal. Segundo o concelleiro de Participación Veciñal, Serafín Núñez (BNG), esta normativa ten gran trascendencia porque abre as fiestras do Concello para que a veciñanza participe na xestión municipal e na vida política. Este regulamento está composto por 59 artigos, entre os que se atopa a creación dunha Oficina de Atención Cidadá, os dereitos de iniciativa popular e veciñal, a participación nos órganos municipais, do Rexistro Municipal de Asociacións, dos Consellos Parroquiais ou das melloras en transparencia da Administración Local.

Abolición de taxas
A derogación ou abolición da taxa pola expedición de documentos administrativos é outro dos asuntos a tratar na sesión plenaria. Esta decisión adóptase tendo en conta a recadación reducida por este concepto e tendo en conta que non supón unha sobrecarga de traballo para o persoal.

Día Internacional do Orgullo Gai
Ao comezo do pleno a concelleira de Igualdade, Ánxela González (BNG) lerá unha declaración institucional polo Día Internacional do Orgullo Lésbico, Gai, Transsexual, Bisexual e Intersexual. Esta concellería organizou diferentes actividades en torno a este día internacional, entre elas un obradoiro monográfico o vindeiro día 13.

Retribucións de edís
No trascurso do pleno debateranse tamén as retribucións e indemnizacións dos membros da corporación. Das cinco persoas do goberno de Barbadás que teñen dedicación exclusiva, catro percibirán 1.450 euros brutos ao mes. Trátase de Serafín Núñez, concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Participación Veciñal; Victoria Morenza, edil de Urbanismo, Infraestruturas, Vías e Obras, Servizos e Vivenda; Adrián Varela, responsable da área de Deportes e Rafael Sierra, concelleiro de Medio Ambiente, Parques e Xardíns e Limpeza Viaria. Pola súa banda, o tenente alcalde, Xosé Manoel Fírvida percibirá 2.322,75 euros brutos mensuais.

Segundo Fírvida as retribucións supoñen un aforro de 25.000 euros respecto á anterior etapa de goberno do PP. “Hai que ter en conta que sairán das arcas municipais 7.000 euros menos respecto aos anteriores salarios, mentres que aforraremos 18.000 euros da asistencia externa que viña desempeñando a persoa que ata agora se dedicaba á coordinación das escolas deportivas, un traballo que agora vai asumir Adrián Varela”, sinal o tenente alcalde.

Fírvida destaca ademais que “a realidade é que os concelleiros van ter o dobre de dedicación por unha cantidade moi parecida, mentras que terán un 70 % máis en horas de dedicación”.

Mocións da oposición
Na sesión plenaria debateranse tamén as mocións presentadas pola oposición: 3 propostas do PP sobre a lei hipotecaria e do catastro inmobiliario, reducción dun 15 % nas dedicacións de concelleiros e implantación de redes wifi nos locais comerciais; e dúas de Democracia Ourensana para os desbroces de camiños e fincas do concello e para a reducción das dedicacións exclusivas.