Está dirixido para mozos de entre 8 e 15 anos e ten como obxectivo impulsar neles o respecto pola natureza mediante actividades lúdicas e educativas.

Este xoves 9 de xullo, a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín abre o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do Campamento do Invernadeiro.

Esta iniciativa permite aos rapaces recibir unha educación ambiental e ecolóxica, impulsar o respecto pola natureza mediante actividades lúdicas e educativas, coñecer a importancia do reciclaxe e a convivencia entre os mozos e co entorno. Unha iniciativa programada co obxectivo de ocupar o tempo de lecer dos rapaces, nun lugar idóneo como é o parque do Invernadeiro, tanto pola súa infraestrutura como polas rutas de sendeirismo, que permite unha inmersión na riqueza ambiental da zona a través do xogo e diversión.

Os dereitos que adquiren os mozos inscritos son: manutención en réxime de pensión completa, materiais necesarios para as actividades, equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural; actividades de tempo libre, socioculturais, recreativas, formativas e de convivencia, rutas de sendeirismo polas distintas zonas de interese do Parque Natural do Invernadeiro realizadas por biólogos, seguro de responsabilidade civil e accidentes e atención sanitaria, si fose necesaria.

A actividade está destinada a mozos con idades comprendidas entre os 8 e 15 anos, consta de 50 prazas e a cota é de 110 euros para empadroados no Concello de Verín, e de 130 euros para non empadroados.