Concentración apoio COB

Milleiros de afeccionados concentráronse na praza Maior para reclamar o dereito do club ourensán a xogar na Liga Endesa.

 

O que parecía un mero trámite converteuse nos peores temores. A Asociación de Clubs de Baloncesto votou en contra da inclusión do COB na próxima Liga Endesa. En particular, foi a propia comisión delegada da ACB (nin sequera a asemblea de clubs) a que “vetou” a participación do club ourensán na vindeira tempada, explicou en rolda de prensa este luns o presidente do COB, Antonio Gavilanes. En resposta, os ourensáns acudirán ao Tribunal de Arbitraxe Deportiva (TAD) para reclamar a súa presenza na mellor liga europea.

O COB logrou o ascenso deportivo o pasado 2 de xuño, tras superar o play off contra o Breogán. In extremis, o pasado 15 de xuño, conseguiu depositar os 2,9 millóns de euros que esixía a ACB ao conxunto ourensán, grazas a un préstamo de Abanca e ao compromiso de apoio económico por parte de Concello de Ourense e Deputación.

Restaba, logo, superar o que nun principio se consideraba unha formalidade: a auditoría. Indicaba Gavilanes que se lles comunicara que “salvo que fose algo moi grave, era subsanable. O equipo auditor trasmitiunos o seu apoio para solventar calquera erro que xurdise”.

Club en “causa de disolución”
O 19 de xuño comezan os problemas: o auditor informa de que o COB está en causa de disolución, situación que Gavilanes recoñece pero que di é coñecida desde 2000 e na actualidade “non é un problema real, palpable”. A solución: aumentar a achega en 1,5 millóns. A directiva recorre a Abanca pero a entidade non accede a ampliar o préstamo.

“O auditor comunícanos que necesitamos 20 anos a maiores de disposición do Pazo; media hora despois dinos que teñen que ser 50”, relata Gavilanes outro dos inconvenientes xurdidos. Desde a Deputación de Ourense, Manuel Baltar está disposto a realizar esta ampliación, apuntaba o directivo.

Na xornada da asemblea da ACB, 3 de xullo, a decisión de incluír o COB ou non na Liga Endesa xa non chegou á votación por parte dos clubs; a comisión delegada dixera non previamente.

“Imos en serio”
O presidente do Club Ourense Baloncesto, Antonio Gavilanes, anunciou que recorrerán ao Tribunal de Arbitraxe Deportiva (TAD) a decisión da ACB. “Non tería sentido acudir á xustiza ordinaria”, precisou. Apoiados no ex xogador e avogado Miguel Juane, preparan a reclamación para lograr que a xustiza deportiva lles dea a razón. “É algo ao que temos dereito, e queríamos que a primeira noticia que hou-bese de Ourense non fose unha pataleta, senón que imos en serio, Ourense é ACB e imos loitar ata o final”, recalcou Gavilanes.

A próxima data marcada no calendario cobista é o 14 de xullo. Nesa xornada Fuenlabrada e Guipuzkoa (as alternativas a participar na Liga Endesa aos defenestrados COB e Burgos) deben presentar as súas auditorías. De maneira paralela, o TAD pode ter xa tomada unha decisión para esa data, e agárdase que a Deputación poida aprobar en pleno a cesión do Paco Paz ao COB que lle permitiría mellorar a súa situación económica.

Tras todo o sucedido, Gavilanes foi moi crítico sobre o funcionamento da ACB: “hai unha normativa á que os clubs non teñen acceso; dentro diso manexan a pelota como máis lles interesa, as decisións son arbitrarias”.

O COB plantéxase incluso reclamar “o reintegro íntegro” de todos os cartos depositados na ACB, incluído o canon, de non entrar a xogar en Liga Endesa.

Concentración na praza Maior

Pouco despois da rolda de prensa do presidente, milleiros de afeccionados cobistas concentráronse na praza Maior da cidade para reclamar o dereito do club a xogar a vindeira tempada na mellor liga de baloncesto europea.