Pablo Lorenzo, portavoz socialista, rexistrou no Concello unha nova solicitude para reiterar a obriga que ten o pleno de declarar a incompatibilidade que presenta Xaquín Rodriguez Ambrosio tras ser condenado a 8 anos e medio de inhabilitación.

Lorenzo recorda que a pesar de non ser unha sentenza firme, a Lei electoral recolle textualmente que son inelexibles “os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado cando a mesma estableza a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público nos termos previstos na lexislación penal». 

Dada a incompatibilidade que amosa o actual rexedor de Rairiz de Veiga, o PSOE desta localidade vé de solicitar que se declare a nulidade de todas as actuacións ou actos administrativos que firme ou firmara Rodriguez Ambrosio dende a notificación da sentenza, o pasado 26 de xuño. O político fora condenado polo Xulgado do Penal nº 2 de Ourense por prevaricación administrativa.

«Pese a dicir que non lle tiña apego o sillón, Xaquín segue sen dimitir e sen comunicarlle o pleno a incompatibilidade que amosa, levando ao concello a un estado de ingobernabilidade», apunta Pablo Lorenzo.