Xunta de Seguridade Local do Barco

O índice de esclarecemento de delitos e faltas reflicte una maior efectividade, e en consecuencia, medra o número de detidos e imputados.

 

O Concello do Barco de Valdeorras acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de O Barco, Alfredo García Rodríguez e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Na xuntanza, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá que amosan un leve repunte na totalidade das infraccións penais contabilizadas sobre todo á incidencia das infraccións contra a seguridade vial e as administrativas. O índice de esclarecemento de delitos e faltas reflicte una maior efectividade, e en consecuencia, medra o número de detidos e imputados.

Outro punto destacado na orde do día foi a avaliación do Plan Local de Seguridade, que botou a andar en marzo de 2014 para dotar ao municipio do Barco de Valdeorras dunha ferramenta eficaz para a xestión sistemática da seguridade cidadá, que repercuta nunha mellora da mesma, e que garanta o exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns do concello. T

Tamén se valorou como positivo o Protocolo de coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade e a Policía Local na protección de vítimas de Violencia de Xénero que se asinou na anterior Xunta. Este Protocolo establece as pautas de actuación da Garda Civil como Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e a Policía Local deste Municipio, en materia de Protección das vítimas de Violencia de Xénero que residan neste; así como a incorporación da citada Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral de casos de Violencia de Xénero, e valorar a evolución do risco.

Declaracións

O subdelegado do Goberno amosou a súa preocupación por este leve repunte nas estatísticas delictivas do Barco e así fíxollo saber aos presentes aos que animou a manterse no seu labor diario de dedicación, “xa que máis cedo que tarde esta ardua tarefa de investigación e coordinación entre tódolas Forzas e Corpos de Seguridade darán froitos positivos e as tasas de delincuencia voltarán aos niveis descendentes herdados dos últimos anos”.