Os técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e Luís Tapia del Río, doutor en Bioloxía pola USC, serán os encargados de impartir a charla, este sábado ás 11:30 horas.

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, albergará en Lobios unha charla impartida por especialistas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e polo experto en aves rapaces Luís Tapias. O coloquio profundará nas aves máis representativas do Parque Natural, especialmente aquelas que están ameazadas e son sensibles á actividade humana.

Esta actividade terá lugar na sede do propio parque mañá sábado, 11 de xullo, ás 10:30 horas. Unha das súas finalidades consistirá en concienciar e dar a coñecer os aspectos sobre a bioloxía, ecoloxía e o estado de conservación das especies máis representativas do entorno natural.

Contando coa experiencia do investigador da USC e cos técnicos especialistas da Xunta abordaranse temas como a resposta das aves rapaces aos cambios no medio ou as características das aves falconiformes, tamén coñecidas como aves rapaces diúrnas. Algo que lles permitirá afondar a todos os interesados nas características das especies aladas pertencentes a este entorno natural.

A charla non será a única actividade que se levará a cabo, xa que se completará cunha visita ao Val do Salas, no Parque Natural, a cal estará guiada polos expertos que participaron da actividade anterior. Desta maneira, o público poderá coñecer de primeira man todos os temas tratados na charla.