Conselleiro de Cultura e presidente da Deputación

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, con que analizou aspectos organizativos do que será o único museo destas características en Galicia.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con que analizou posibles fórmulas de xestión para o que será o futuro “Museo do Viño de Galicia”, que se está a construír en Ribadavia. Baltar e Rodríguez concordaron en que ámbalas dúas institucións levarán a cabo formulas de colaboración para a xestión do museo –o único destas características na comunidade autónoma- “estando a Deputación de Ourense totalmente receptiva a establecer liñas de cooperación para que as instalacións se poidan explotar convenientemente, tanto no que atinxe a temas de infraestruturas, equipamentos, persoal ou no ámbito de promoción turística”, explicou o presidente do goberno provincial.

O museo, do cal están a piques de rematar as obras de construción, situarase na rectoral de Santo André, a tres kilómetros de Ribadavia, un edificio do século XVIII que albergou a granxa vinícola máis importante que o mosteiro de San Martiño Pinario tivo en Galicia.

Na xuntanza, Manuel Baltar e Román Rodríguez tamén analizaron o tema da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, e avanzaron que o vindeiro 18 de xullo terá lugar no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) un acto no que participarán os presidente das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e Elena Candia; o conselleiro de Cultura e o Valedor do Pobo, no cal se abordará o estado de tramitación da candidatura e o Valedor fará entrega ao conselleiro de Cultura dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

[Fotografía de Alberte Paz]