Chelo Vispo

A voceira popular Chelo Vispo acusa ao novo goberno municipal de «inacción dolosa» neste asunto.

 

O grupo municipal do PP de Barbadás alerta aos veciños da “inminente” perda da inversión de 3,5 millóns de euros para a construción do novo centro de saúde ante a “inacción dolosa do novo goberno municipal, que por puro obstruccionismo e falta de capacidade de xestión van tirar á basura os cartos de todos os veciños”.

Segundo afirmou a voceira popular, Chelo Vispo, o novo alcalde “está contrapoñendo os seus intereses partidistas aos de todos os veciños”, ao non ser capaz “por falta de capacidade” de sinalar unha nova ubicación para o centro de saúde, “ubicación que non foron quen de atopar en oito anos”.

Os populares queren advertir de que está a piques de finalizar o prazo para que o Concello indique á Xunta o espazo dotacional destinado a esta infraestrutura, e as “dúbidas” e “incertezas” do goberno local “poñen en serio perigo as axudas de 3,5 millóns que a Xunta ten para a súa construción, que se perderían irremisiblemente”.

Isto suporía, apunta Vispo, condenar a todos os veciños a unha atención sanitaria deficiente, logo de “roubarlles” unha dotación que xa tiñan comprometida e a piques de poder desfrutar.

O PP de Barbadás anunciou que a próxima semana a Xunta fará pública a adxudicación da construción das obras “sen que o ralentizado e inexperto novo goberno local teña sido capaz de sinalar unha ubicación, que por outra parte, non pode ser outra que a determinada polo anterior execuyivo, única con ficha dotacional no planeamento vixente”.

“Se se perden os cartos”, afirmou Vispo, “pola súa incompetencia (a do alcalde), o Partido Popular de Barbadás non parará ata que os repoña do seu peto, xa que sería unha irresponsabilidade dolosa deixar ao noso municipio sen esta institución asistencial básica”.