A Unión Deportiva Ourense presentou os partidos de pretempada que vai realizar sendo o encontro máis destacado contra o Pontevedra.

Será o mércores 12 de agosto do estadio do Couto e coincidirá coa presentación do equipo diante da afección e co I Memorial CD Ourense.

Á espera de saber a hora, a UD Ourense pedirá á Xunta de Galicia poder xogar ás 20.30 horas. O trofeo que se entregue neste memorial será unha réplica do escudo de Club Deportivo Ourense.

Resto de partidos
Antes do partido de presentación do equipo haberá un partido en Quiroga (Lugo). O domingo 9 de agosto contra o equipo da localidade lucense no campo de San Martiño de herba natural. O Quiroga é equipo da Terceira Rexional de Lugo pero o interese para que fora a xogar a Unión foi o que fixo aceptala oferta.

Despois do partido contra o Pontevedra xogarán o terceiro dos amigables contra o Ribeiro. A data está por fixar pero será ou o 14 ou o 16 de agosto no campo sintético do Xestal. A hora está por confirmar.

O venres 21 os homes de Antonio Dacosta xogarán no sintético do colexio Miraflores contra o Atlético Velle.

E en principio, o último partido de pretempada será o domingo 23 de agosto no campo alaricano do Seixo contra o Allariz.

A directiva unionista cre que a última fin de semana de agosto xogarase o primeiro partido da Copa Deputación. En caso de que sexa máis tarde desa data non descartan ter máis amigables.