Toma posesión xefe e secretaria territorial

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a toma de posesión de Silvia Dorado e Manuel Pardo Cid.

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  foi o encargado de presidir a toma de posesión da nova secretaria territorial da Delegación da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales, e do novo xefe territorial, Manuel Pardo Cid.

Silvia Dorado é licenciada en Dereito pola USC e posúe un Máster universitario en Protocolo e o título de Experta Universitaria en Contratos do Sector Público, ambos pola UNED. Desde o ano 2007 é funcionaria do Corpo Superior da Xunta de Galicia, onde ocupou diversos postos en consellerías como a de Traballo e Benestar, Sanidade ou a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Manuel Pardo tamén é licenciado en Dereito pola UNED e ten diversos estudos de especialización en asuntos como informática xudicial, protección de datos, e-administración ou expediente electrónico na Administración de Xustiza. Desde o ano 1987 é funcionario de xustiza, exercendo en varios xulgados da provincia de Ourense. O seu último posto foi no Xulgado de Paz de Barbadás.

O novo modelo de delegacións territoriais polo que apostou a Xunta no 2009 está totalmente consolidado e desde a súa implantación supuxo un enorme aforro anual para as arcas públicas sen mermar en ningún caso o labor de xestión para os cidadáns, sinalaron desde o Goberno galego.