Baltar cos presidentes das denominacións vitivinícolas

O presidente da Deputación reuniuse no Pazo Provincial cos presidentes dos catro consellos reguladores vitivinícolas da provincia.

 

Manuel Baltar mantivo unha xuntanza cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas ourensáns: Asunción Rodríguez (Monterrei), José Manuel Rodríguez (Ribeira Sacra), Miguel ÁngelViso (Ribeiro) e José Vicente Solarat (Valdeorras) para analizar diferentes medidas de importancia para o sector. A primeira delas, xa anunciada polo presidente no seu discurso de investidura -ademais das que ten planificado implementar a maiores das 77 anunciadas no Plan 15-19-, é o Clúster do Viño de Ourense. Tanto a Deputación como os consellos reguladores acordaron deseñar e establecer as liñas mestras de actuación desta organización, as cales abordarán na vindeira reunión que celebrarán o vindeiro 4 de setembro na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

O clúster, en opinión de Manuel Baltar, “significará un impulso e unha panca de desenvolvemento para o sector,e a presenza da Deputación de Ourense no mesmo fará que lidere a iniciativa unha administración pública perfectamente definitoria do que é a provincia, pois os seus límites territoriais son os do clúster”.

Asemade, avanzaron noutras liñas de participación que poden desenvolver, entre as que figura a anunciada polo presidente Baltar ao final da lexislatura: a posta en marcha dunha sede das catro denominacións de orixe vitivinícola cun claro compoñente comercial e promocional dos viños e produtos da provincia de Ourense, “co obxectivo de que os visitantes se poidan informar e tamén degustar os nosos produtos nun edificio de titularidade provincial”, e tamén se falou de que a Deputación colabore activamente nas “Rutas do Viño”.

Manuel Baltar anunciou que nos orzamentos do goberno provincial para 2016 –que se aprobarán o 25 de setembro- a Deputación de Ourense destinará un mínimo de 200.000 euros para accións relacionadas cos proxectos e funcionamento dos consellos reguladores vitivinícolas da nosa provincia.

O presidente provincial cualificou a reunión de “altamente positiva” polo que supón de confluír en intereses comúns en favor da competitividade dun sector estratéxico da economía ourensá como é o do viño.