Presentación festas da Ponte

 

Os festexos celebraranse entre o 23 e o 26 de xullo e incluirán a XXX Xuntanza Internacional de Gaiteiros, o VII Ponte Rock, e unha feira medieval e da cervexa artesá.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lerá o pregón das Festas da Ponte o vindeiro venres 24 de xullo, a medianoite, no escenario da rúa Eulogio Gómez Franqueira. Será o acto oficial de inauguración duns festexos na honra do Apóstolo Santiago que, de novo, organiza a Sociedade Artística da Troya, e que combinan música, actos relixiosos, deporte, un mercado medieval e unha feira da cervexa artesá.

As festas darán comezo real o xoves 23,a partir das 20:30 horas, coa festa Radio Líder e coa final do 2º Festival de Karaoke, coas actuacións dos dj’s Marcos Magán e David Expósito, na avenida de Marín.
O venres 24 á tardiña inauguraranse a segunda edición da feira medieval, ubicado á beira do río Miño, que incluirá mercado artesanal e alimentario, e a festa da cervexa, que se instalará na avenida das Caldas á altura da Praza de Abastos.

Ás 21 horas dará comezo no contorno da ponte Romana a XXX Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que contará coa presenza deos mellores gaiteiros galegos, e músicos chegados de Cataluña e de Portugal. Segundo indicou o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Luis Foxo, esta cita regresa á Ponte, onde se realizara a primeira edición fai 30 anos. No evento farase unha particular homenaxe aos “Enxebres d’A Troya”, agrupación folclórica de comezos do século XX.

A verbena correrá a cargo esta noite das orquestras Alianza e Escaparate, que se instalarán nos palcos da rúa Eulogio Gómez Franqueira e Vicente Risco.

O 25 de xullo, a mediodía, haberá misa solemne e procesión na honra de Santiago Apóstolo coa Real Banda de Gaitas da Deputación. A continuación, a Banda Municipal de Ourense dará un concerto no parque da Ponte, e as autoridades terán unha recepción oficial na sede da Troya. Tamén a mediodía abrirá o mercado medieval e a festa da cervexa artesá.

Á noite, música e baile coas orquestras Salsabanda e Grupo Zeus nos dous escenarios instalados. Para os que prefiran outro estilo musical, chega a sétima edición do Ponte Rock. Os concertos de tres grupos locais e un de Madrid serán no escenario situado no parque ao carón do Miño.

Ás 00:15 horas terá lugar unha tirada de fogos artificiais na beira do río, a cargo da pirotecnia Josman.

O domingo 26, novamente a mediodía misa solemne na honra de San Xaquín e Santa Ana. A esas horas dará inicio a terceira xornada da feira medieval e da festa da cervexa, e á noite, desde as 23 horas, as orquestras Ría de Arosa e Asiria porán o fin de festa.

No apartado deportivo, disputarase un torneo de pádel e un campeonato de fútbol 7.

Durante os festexos haberá pasarrúas a cargo de grupos de gaiteiros e atraccións para nenos e adultos nas rúas Jesús Pousa e Basilio Álvarez, o que obrigará a cortes de tráfico neses viais.

Sen orzamento concreto
O presidente da Troya non puido concretar o orzamento co que contará esta edición das festas, pois aínda están recadando diñeiro entre veciños e comerciantes, pero si confirmou que se se produce “un pequeño desfase” ten o compromiso de que o asumirá o Concello de Ourense. A este respecto, o edil de Cultura, Francisco González, agarda que “el próximo año tengamos más tiempo para programar y planificar” e destacou das festas de Santiago na Ponte que “han sido a lo largo de la historia singulares y emblemáticas”.

González aproveitou a presentación desta cita festiva para anunciar o traslado da oficina municipal de información e rexistro ao edificio da Praza de Abastos unha vez se abra ao público (agora estaba nun baixo alugado na avenida de Santiago).