Este é o proxecto co que o Inorde e os seus socios acudirán para captar fondos no próximo programa Interreg V-A.

 

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), coa Fundación Paideia, Cultigar, a Cámara Municipal de Montalegre e a Universidade do Minho como socios, optará á nova convocatoria de axudas europeas, tendo como finalidade potenciar a recuperación de árbores autóctonas co obxectivo de xerar emprego nas zonas rurais transfronteirizas. Así o acordaron onte representantes das entidades participantes durante a segunda reunión na que se abordaron as liñas de concorrencia para o programa europeo Interreg V-A, que abrirá os prazos de concurso o próximo mes de setembro.

Neste encontro, quedou establecido o partenariado e o montante total do proxecto, arredor dos 800.000 euros e o eixo ó que se presentará o proxecto, o eixo 1 que leva por título “Crecemento intelixente a través da cooperación transfronteiriza para o impulso da innovación” e terá como ingredientes principais de traballo o carballo, o castiñeiro, a pataca e as árbores frutais propias de Galicia e o Norte de Portugal. En canto ó carballo traballarase na recuperación de carballeiras, mentres que sobre o castiñeiro, os asistentes falaron de afondar nun estudio que lles permita comprobar as vías de resistencia natural desta variedade á avispilla. No relativo á pataca, marcaron como posibilidade unha acción semellante á do castiñeiro, buscando a inmunización a virus que atacan hoxe ás produccións galegas, se ben tamén tratarán de completar o rexistro das variedades autóctonas, como a Cazona e a Ganade (a variedade Fina de Carballo xa está rexistrada). As fincas de ensaio do Inorde servirían de escenario para desenvolver moitas destas accións.

A reunión, presidida polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, contou coa asistencia de David Teixeira (Cámara de Montalegre), João Cerejeira (Universidade do Minho), Guillermo Vergara (Fundación Paideia), Marga Fraga (Cultigar), a técnico do Inorde, Rocío Gómez, e o director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, Servando Álvarez.