Presentación 4G de Vodafone

O próximo 20 de xullo Ourense converterase na primeira cidade española á que Vodafone dotará de cobertura 4G sobre a banda 800MHz.

Con este anuncio o operador, un dos asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Comunidade, iniciando no territorio galego os seus plans de despregamento a nivel nacional nesta frecuencia.

O uso da banda de 800MHz ofrecerá aos usuarios sensibles melloras do servizo no interior de edificios. Ademais, esta banda permitirá estender xeograficamente o servizo de forma eficiente. Factores moi importantes para os despregamentos en zonas rurais, especialmente en casos como o galego onde existe gran dispersión de poboación, moita masa forestal e vivendas de pedra.

As vantaxes da nova frecuencia foron explicadas nunha rolda de prensa na que participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid.

Reforzo de cobertura 4G en Galicia
O director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid destacou: “O noso compromiso con Galicia fai que elixísemos Ourense para iniciar o noso aceso da banda 800MHz e que todos os ourensáns poidan ser os primeiros en gozar das vantaxes desta tecnoloxía. A aposta de Vodafone polo desenvolvemento tecnolóxico de Galicia é firme porque, sen dúbida, esta vía debe ser unha das claves do crecemento presente e futuro desta Comunidade Autónoma”.

Vodafone reforzou a cobertura en Galicia da súa rede móbil co obxectivo de garantir a mellor experiencia de usuario para os seus clientes. O investimento, directo e indirecto, que Vodafone España está a realizar en Galicia entre o seu exercicio fiscal pasado e o actual (do 1 de abril de 2014 ao 31 de marzo de 2016) alcanzará os 100 millóns de euros.

Sobre a banda 800MHz
O 1 de abril de 2015 procedeuse á liberación da frecuencia 800 MHz que ata entón empregábanse para a emisión do sinal da televisión dixital terrestre, proceso tamén coñecido como Dividendo Dixital. A partir de entón, estas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de telefonía móbil 4G.