O novo alcalde de Verín aposta pola remunicipalización de servizos, pois considera a maioría das concesións “ruinosas”.

 

O socialista Gerardo Seoane, arquitecto de profesión, asumiu a alcaldía de Verín grazas a un pacto de goberno co BNG. Neste primeiro mes de mandato o novo rexedor aproveitou para poñerse ao día nos asuntos municipais, e está a atopar algunha “sorpresa” coa que non contaba.

A que cre que se debeu o volco electoral vivido en Verín?
Gerardo Seoane: “O volco electoral estaba cantado hai moito tempo, a xente tiña necesidade de cambio e pasou de forma natural, non é unha cousa inesperada nin unha sorpresa para moita xente”.

Como se atopou o Concello de Verín ao chegar a este despacho?
G.S.: “O Concello de Verín é un concello grande, ten moitas actividades, a maioría delas subcontratadas, ou concesionadas, non é unha cousa que se poida ver nun mes. Temos avanzado bastante e practicamente xa temos claro como estaban as cousas”.

E como estaban?
G.S.: “Xa cho direi máis adiante. Evidentemente, non coa idea que nós temos do que debe ser un concello”.

Que maneiras de facer política diferentes empezou a aplicar o novo goberno de PSOE e BNG en Verín?
G.S.: “De momento a accesibilidade, estamos recibindo a todo o mundo.
Tamén estamos estudando tema por tema e vendo problemas ou a situación actual para intentar enfocala ao que nós queremos, o que nós cremos que debe ser. Son moitísimas as cousas, e hai xente máis impaciente e menos impaciente.
Hai contratos que caducaron no momento en que acabamos de entrar e que tivemos que prorrogar aínda que ao mellor non era a nosa intención, e hai determinadas actividades que hai que manter aínda que pensamos que se deben facer doutra maneira. Nun principio vanse seguir facendo as cousas máis ou menos, non como estaban, dándolles outra volta, pero nos próximos meses si que vai haber un volco xeral”.

Os cambios non poden ser dun día para outro?
G.S.: “Exacto, esta aparente continuidade non é unha continuidade, é unha especie de tempo morto ata que poidamos implantar o que de verdade queremos.
Nós non queremos ningún tipo de concesión administrativa. Pensamos que o Concello pode asumir perfectamente todas as funcións que lle encomenda a Constitución. Creo na empresa pública.
De feito, todas as concesións administrativas que se fixeron, unhas son ruinosas para o Concello e outras son ruinosas para o concesionaria. Incluso onte (polo xoves 9) apareceu no rexistro a renuncia á concesión do aparcamento da praza do Concello pola empresa concesionaria.
Si nos atopamos con algunha sorpresa; que, por exemplo, o goberno anterior solicitara a catastro un aumento do 10% dos valores catastrais, inmediatamente desistimos desa petición”.

Porque iso podería supor a suba do IBI?
G.S.: “Claro, ao subir o valor iría unha suba no IBI. Esa petición fíxoa o ex rexedor antes de marchar e nós anulámola.
Hai outra serie de cuestións que estamos revisando. Unhas están máis claras e outras menos. Por exemplo, o tema de Vendex e dos aparcamentos. Vendex empezou no ano 2005 e acabou no 2007 o primeiro contrato, no 2007 o señor Jiménez firmoulle un contrato ata 2011, no 2011 firmoulle outro contrato ata 2013, ese contrato venceu e leva sen prórroga, en precario, dous anos. Evidentemente, xa nos puxemos en contacto con eles para rescindir calquera tipo de contrato que teñamos con eses señores, as máquinas son do Concello desde o ano 2007 e este servizo pasara a ser atendido polo Concello.
Hai outros máis que están en estudo, sobre todo no tema de deportes e no tema de limpeza. Neste, aínda que o renovamos, xa estamos en negociacións para facelo doutra forma.
Tamén lle demos para atrás a algunha adxudicación de obra, fixemos algunha auditoría de obra realizada recentemente que non coincide co que se di no proxecto”.

Non se referirá ao Centro das Artes?
G.S.: “Non. Estamos falando de obras pequenas, doutras que non se poden facer porque carecían de todos permisos e desde o meu punto de vista non eran axeitadas.
Ou o tema dos radares de tráfico que deixou adxudicado o anterior alcalde. Eu entendo que iso é un prexuízo moi grande para o pobo, xa tiven varias conversas coa empresa concesionaria e imos ver se chegamos a un acordo e non se implantan os radares, que suporían unha cantidade de multas á xente impresionante para recadar o que teñen previsto. Pensamos que a seguridade vial non vai por aí e que iso era unha tomadura de pelo para quitarlle o diñeiro á xente. Sei que vai ser difícil e ao mellor hai que ir ao xulgado ou ao mellor haberá que indemnizar o que sexa, pero na miña intención os radares non se poñen”.

Na entrevista que lle facíamos antes das eleccións citaba como unha das prioridades o casco antigo, que propoñen agora que gobernan?
G.S.: “Os veciños do casco antigo xa se reuniron a semana pasada e teñen unha lista de peticións, máis ou menos concordan bastante co que nós tiñamos no programa. En dous ou tres días teremos unha reunión formal e a idea é que no próximo pleno xa nos metamos con algunha parte do que lles prometemos”.

Vaise modificar a peonalización desta zona?
G.S.: Imos cumplir exactamente o que dixemos, é dicir, darlle a palabra a eles”.

Vostede entrou en política de novo a raíz da rehabilitación do Castelo de Monterrei, posicionándose en contra; que postura vai manter sobre este proxecto o Goberno local de Verín?
G.S.: “O novo goberno de Verín foi unha parte activa na Plataforma e segue mantendo a súa mesma postura. Encontrámonos con que iso se vai abrir, pero as accións xudiciais tamén seguen. Entendo que aínda que se abra (o parador) non tardará moito en pechar”.

Nos últimos tempos a sociedade reclama máis participación e transparencia, como se aplicará en Verín?
G.S.: “Estamos facendo unha nova páxina web na que aparecerá o portal de transparencia e aí non hai que facer moito máis que cumplir a lei.
Por outra parte, durante todos estes días moitísima xente veu propoñendo cousas para facer, non só obras, actividades… e en principio estamos apoiando todas, sempre e cando non nos custe moito diñeiro porque o diñeiro é limitado. Pero si estou gratamente sorprendido da cantidade de actividades que propón a xente, e son do máis diverso”.

Cal é o custo da corporación verinesa?
G.S.: “Hai dúas dedicacións exclusivas, unha por parte do PSOE e outra do BNG, primeiro e segundo tenente alcalde, que están aquí oito horas ao día ou máis.
O que se dixo de que o goberno é máis caro que outras veces, aparentemente si, pero na realidade non porque aquí había quen non cobraba e pasaba unhas dietas…! Hai que sumar o gasto total, non só o gasto dos soldos. Aparentemente aquí todo estaba moi legal, cunha escrupulosidade, pero iso é mentira, por detrás había de todo”.