Deste xeito cúmprense un dos requisitos que a ACB esixía para permitir o ascenso do equipo ourensán.

Minutos despois de ser aprobada polo pleno da corporación provincial a modificación do convenio co Club Ourense Baloncesto (COB) para o uso do Pazo dos Deportes “Paco Paz” durante 50 anos máis dos acordados anteriormente, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente do Consello de Administración do COB, Antonio Gavilanes, asinaron dito convenio de colaboración, no que se explicita que con data do 29 de novembro de 2010 ambas entidades subscribiron un acordo para o uso das instalacións do “Paco Paz” por parte do club ourensán durante un período de 10 anos, vixente ata o 31 de decembro de 2020.

Tras acadar o ascenso á Liga ACB por méritos deportivos o equipo solicitou (ante a esixencia desta categoría máxima) a ampliación da vixencia do citado convenio por un prazo de 50 anos, ata o 31 de decembro de 2070, ampliación que vén de ser autorizada polo pleno da Deputación. Deste xeito, foi subscrita a adenda ao convenio de colaboración de 2010, na que se establece que o período de vixencia do mesmo sexa por 60 anos, contados a partir do 1 de xaneiro de 2011 e ata o 31 de decembro de 2070.