O luns dia 27, ás 19:30 horas, inaugurase na Sala de Exposicións de Verín a mostra «Seres extraños» de Tareixa Taboada.

A mostra está organizada polo Concello de Verín e coa colaboración de Aguas de Sousas e Cerveza La Negra de las Doce (Ribeira Sacra).

Seres extraños é unha manifestación rotunda de arte contemporánea, unha expresión multidisciplinar e multicanle, que integra pintura, escultura, instalación, proxección audiovisual e fotografía. Seres excéntricos, presencias fantásticas ou seres híbridos de corte expresionista, ameazantes aínda que non agresivos, presentan en Seres extraños o seu mundo afectivo, cargado de tenrura, humor, expresividade e espírito do rock&roll.

Esta gran artista participou en 58 exposicións colectivas e individuais desde o ano 1993, levando as súas obras a galerías, museos e salas públicas de Barcelona, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo ou Ourense, entre outras cidades e vilas. Bolseira Internacional da Fundación “A Solaina de Piloño” de Lalín no ano 2004, recibiu polas súas obras diversos galardóns, como o Premio Gambrinus ou o Premio Concello de Ourense. Tamén é encargada da Galería de Arte Visol desde o ano 2013.

Polifacética como escritora, exerce a crítica artística en periódicos, revistas especializadas e catálogos desde o ano 2006. No aspecto docente, entre outras actividades, foi profesora de Historia da Arte no Colexio Cardenal Cisneros ou de Pintura, no Colexio Luis Acuña.

Tareixa Taboada é Licenciada en Xeografía e Historia da Arte na especialidade de Historia de Arte Moderna e Contemporánea; pola Universidade de Santiago de Compostela, posgrao en restauración de estatuaria e dourado dos séculos XII-XVII; polo Centro de Estudios Técnicos San Martín, técnico superior de fotografía e pola Escola de Arte Antonio Faílde, realizou o Curso de Producción Audio-Vídeo da Escuela Libre de Benposta.