O PP non levará ao pleno deste xoves o expediente de modificación de créditos que tiña elaborado, nin sequera a parte correspondente ao pago de facturas pendentes.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, informou de que a modificación de créditos que preparara o seu goberno non se levará ao pleno extraordinario deste xoves por falta de tempo e de acordo cos demais grupos. Deberá abordarse nun novo pleno extraordinario, que Jesús Vázquez agarda convocar na primeira quincena de agosto.

O PP quere chegar a “puntos de encontro” coa oposición para garantir o voto favorable a estas modificacións orzamentarias. Teno máis fácil no que se refire ás débedas recoñecidas pendentes de pago, mentres que nos convenios de carácter social “se atopaban certas discrepancias e nos gustaría que houbese acordo”.

Tamén falta aínda o consenso no que se refire a gastos e investimentos do Concello para o que queda de ano, e por iso Vázquez apela “á corresponsabilidade dos partidos da oposición porque se non estaríamos colapsando a cidade”. En concreto, o rexedor explica que hai partidas “consumidas ao 110 ou 120%” o que na práctica se traduciría na imposibilidade de levar adiante “programación xa establecida como o FITO, a MITEU ou o Festival de Cine”.

Para gañarse o voto da oposición, o goberno popular está aberto a aceptar as súas propostas. Por exemplo, citou o alcalde, “Democracia Ourensana reclama algunha partida para a análise dun posible acceso mecánico á Milagrosa”. Neste sentido, DO “congratúlase” de que os populares aceptasen reservar esta partida para unha infraestrutura que era unha promesa incluída no seu programa electoral. “Ourense comprueba como D.O. cumple con su programa cuando tienen herramientas para ello”, recalcan.