Xunta Seguridade local de Barbadás

Descenden as infraccións penais sen delito contra a seguridade vial e as infraccións administrativas.

O Concello de Barbadás acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 12 de xuño de 2014, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá e fixeron fincapé na importancia da colaboración entre a Policía Local do Concello de Barbadás e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Na Xunta Local de Barbadás analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2015 (Xaneiro – Xuño), facendo una comparativa co mesmo período de tempo de 2014. Os datos estatísticos amosan na totalidade de infraccións penais unha tendencia á baixa; 12 puntos menos. Os delitos contabilizados descenden 4 puntos, e as faltas tamén diminúen 7 puntos. Descenden así mesmo as infraccións penais sen delito contra a seguridade vial e as infraccións administrativas. Ascende o número de detidos e baixan as cifras de imputados. Os niveis de esclarecemento mantéñense en semellantes porcentaxes aos do ano anterior (por riba do 70%).