Trátase do novo proxecto audiovisual da cineasta Xudit Casas e o compositor Adrián Saavedra e está dedicado exclusivamente a durmir a sesta.

 

A directora e videoartista celanovense, Xudit Casas, e o compositor musical pontevedrés, Adrián Saavedra, estrean este mércores, 29 de xullo, o seu novo proxecto que leva por título “Relax & Siesta”. Unha obra cuxo obxetivo é axudar a relaxarnos e, concretamente, a durmir a sesta. O traballo presentarase na canle oficial de Youtube da produtora Arxuína Producións ás 12 do mañá.

Primeira entrega: Mallorca
“Relax & Siesta” é unha serie de vídeos relaxantes que non ten data de caducidade. A primeira entrega chámase Mallorca e nela quérese mostrar esta illa “dende un punto de vista diferente, lonxe da imaxe estereotipada que temos dela”, afirma a cineasta, Xudit Casas. Xa están traballando na segunda entrega da que soamente sabemos que tamén se centrará noutro lugar pero “non todos os vídeos deste proxecto serán de lugares, hai moitas cousas que nos poden relaxar e este proxecto tocará temáticas moi variadas”, prosegue Casas. A artista, afincada en Madrid, engade que Galicia será protagonista desta serie “non só unha vez, porque hai moita paz na nosa terra e, para este proxecto en concreto, ten moitos recunchos marabillosos”.

“Non hai vídeos que sexan exclusivos para durmir a sesta”, afirma Casas, posto que os vídeos durarán entre 20 e 30 minutos, o tempo aconsellado para esta práctica tan habitual. “Ademáis, a maioría destes vídeos de relaxación só se centra na música e non coida a imaxe, quería unha obra que pensase tamén nos que non durmimos a sesta pero que nos apetece relaxarnos uns intres e deixarnos levar a través de imaxes suxerentes”.