Incendio no Auditorio

O lume produciuse no cadro eléctrico do edificio.

Esta tarde produciuse un incendio sen consecuencias no Auditorio de Ourense. Pasadas as tres da tarde orixinouse un lume no cadro eléctrico do recinto, saltando a alarma de inmediato. Ao momento, os bombeiros da capital foron avisados e desprazaban ao lugar tres camións. En menos de media hora o incendio quedaba sufocado, sen máis consecuencias que un forte cheiro a queimado e fume, polo que foi necesario ventilar a planta baixa da infraestrutura.

Tamén se achegaron ata o Auditorio varios axentes da Policía Local, que se encargaron de evitar o paso de viandantes á zona e de regular o tráfico na confluencia das rúas Emilia Pardo Bazán e rúa da Canle, onde está situado o recinto cultural.

No momento só había un traballador no edificio, que saiu polo seu propio pé. Ao lugar tamén se achegaron outros empregados municipais, como o xefe de mantemento do Auditorio.