A Xunta de Goberno aproba as bases para a contratación dos cinco profesionais que formaran a brigada.

 

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza  a convocatoria e as bases para a contratación dos cinco profesionais que formarán a nova brigada de prevención e defensa contra incendios forestais, no marco do convenio recentemente asinado polo Concello e a Consellería de Medio Rural e do Mar.

O obxecto das bases é regular a contratación laboral temporal mediante concurso dun xefe de brigada, un peón conductor e 3 peóns.

O ámbito de actuación será o municipal. Os traballadores deberán contar con plena dispoñibilidade, e os seus labores consistirán na realización dos seguintes traballos:

– Intervención nos incendios forestais no ambito municipal sen perxuízo de que conforme á normativa aplicable, o persoal das brigadas municipais participe nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais baixo o mando único operativo dependente da Consellería competente en materia forestal cando así se decida por parte do mando único, conforme á Lei de prevención de Defensa contra incendios forestais de Galicia.

– Labores de prevención de incendios, que se desenvolverán en faixas de xestión de biomasa ou nos terreos forestais de titulariedade municipal ou de propietario descoñecido, así como en vías e camiños forestais da súa titulariedade cando non sexa posible mecanizar este straballos.

Os traballos de extinción de incendios forestais serán prioritarios respecto aos de prevención.

A duración do contrato será tres meses. O Concello solicitara os aspirantes na oficina de emprego de Ourense, mediante a presentación da correspondente oferta nos modelos normalizados. A selección farase de conformidade cos criterios de méritos específicos: experiencia en traballos do mesmo posto e categoría, e formación, ademais dunha proba de aptitude física.