Paco González

Jesús Vázquez limita a dimisión do seu tenente de alcalde a unha “decisión persoal” na que el non incidiu.

 

Jesús Vázquez explicou este luns a súa postura con respecto á renuncia do seu tenente de alcalde, voceiro e concelleiro de Cultura, Recursos Humanos e Seguridade Cidadá, Francisco González. Para o alcalde popular, a saída de González do seu goberno non responde a “unha crise interna” nin a “unha crise de partido” senón á unha “decisión persoal” do dimisionario. Que, en todo caso, dependeu dunha decisión anterior do presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen puxo a González na tesitura de ter que elixir entre as súas responsabilidades como director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e da Escola de Artes e oficios e as súas responsabilidades políticas como edil no Concello de Ourense.

“A el se lle presenta unha opción A ou B e el ten a obriga de decidir, é unha decisión que toma Paco nuns días que están sendo moi duros para el”, sinalou o rexedor, recordando a baixa por enfermidade logo dunha crise de ansiedade. “É certo que tamén podería ter elixido e optado por outra alternativa”, deixou caer Vázquez no seu encontro cos medios de comunicación.

Aínda que lamenta a marcha “porque é un home dunha capacidade de traballo incrible, dunha impronta humana e era un motor (do goberno)” e malia que lle tería gustado “que Paco quedara aquí”, Jesús Vázquez dixo que non quixo “incidir nin presionar” na decisión de Francisco González.

A oposición apunta a divisións internas do PP
Desde a oposición, nin DO nin PSOE quixeron deixar a ocasión de valorar a marcha de Paco González. De feito, o socialista Barquero dixo que quedara “moi sorprendido” ao coñecer a noticia, a pouco más dun mes de tomar posesión.

Para Democracia Ourensana, o sucedido “muestra la existencia de dos facciones en el PP” e que Feijoo non exerce “autoridad alguna” no PP ourensán. Ademais, para os de Gonzalo Pérez Jácome, a renuncia constata que Paco González non tiña vocación política, “ya que ha primado el evitar un recorte en sus emolumentos, que su cometido en pro de la ciudad del que tanto se jactaba”.

Para o voceiro do grupo socialista, José Ángel Vázquez Barquero, a saída de González do Goberno municipal evidencia as “liortas internas” do PP. Barquero salienta, precisamente, que é o presidente da Deputación e presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, “o que promove esta situación”. Tamén recorda o socialista que o seu grupo xa puxera en cuestión o feito de traballar ao mesmo tempo no ente provincial e no consistorio ourensán, non só de González, senón tamén do edil de Urbanismo, José Jesús Cudeiro.

Flora Moure será a substituta
A número 11 da lista do PP ás eleccións municipais, Flora Moure, será quen substitúa a González como edil na corporación ourensá. En palabras do alcalde, Moure “está máis que capacitada para desenvolver distintas tarefas dentro deste concello”.

En función da celeridade con que a xunta electoral realice os trámites pertinentes, a nova concelleira tomaría posesión do seu cargo nun pleno en agosto ou no de setembro.

Mentres, Vázquez non quere falar de remodelación. “Estamos centrados nesa modificación orzamentaria, nos problemas que hai no día a día, estamos traballando para poder darlle esa normalidade ao Concello”, afirmou. “A nosa obriga é seguir adiante”, recalcou varias veces durante a súa intervención.