A iniciativa, que comezou o pasado 27 de xullo, rematará o 7 de agosto.

Un total de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, tanto galegos como procedentes doutros países (Italia, Francia e Rusia), están a participar estes días no campo de traballo internacional de Riós.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron este mércores aos participantes nesta iniciativa.

Os voluntarios realizan labores relacionados coa cultura dos soutos tradicionais, como limpeza, aproveitamento integral, ou control da vexetación nestes montes. Ademais, coñecerán a cultura da zona en obradoiros sobre tradicións, lendas, música, e mitoloxía popular. Tamén poderán elaborar receitas artesanais coa castaña como base, ou producir derivados da castaña como as conservas.

Ao mesmo tempo, aprenden oficios esquecidos como a realización de canastros ou canizos para a seca das castañas e contarán con actividades complementarias como dinámicas de grupo, xogos tradicionais, obradoiro de cociña tradicional galega, cine, piscina descuberta, visita a granxas ecolóxicas ou rutas de sendeirismo.

En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 265 de partida, un 19% máis que o ano anterior.

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.