Celébrase a segunda xornada do programa “Vive o Castelo”, co que Turismo de Galicia busca dinamizar a contarna.

A fortaleza de Monterrei será escenario este xoves 30 de xullo dunha nova xornada do programa ‘Vive o Castelo’, un conxunto de actividades lúdico-culturais promovidas por Turismo de Galicia que están a dinamizar a contorna do castelo e a ampliar a oferta turística deste territorio.

Nesta ocasión, a fortaleza acollerá a celebración da ‘Gala de Circo no Castelo’, que terá lugar a partir das 20:30 horas, na que participarán tres compañías de circo e unha banda de música en vivo. Un espectáculo de 100 minutos de duración para todos os públicos co mellor do noso novo circo.

Luís Iglesia será o condutor desta gala na que participarán o ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, o grupo de galopíns musicais ‘A Magnifique Bande dos Homes sen Medo’ e a compañía ‘Os sete magníficos máis un’.

Ademais, esta segunda xornada inclúe tamén dúas visitas guiadas teatralizadas, que darán comezo ás 20 e ás 22:30 horas, nas que a cidadanía poderá visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores deste ben de interese cultural e público.

Próximas actividades
O programa inclúe, ademais das visitas guiadas, actividades todos os xoves ata o 20 de agosto, como son as actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf, o xoves 6; ‘Un Castelo de Conto’, unha xornada máxica que terá lugar o xoves 13 de agosto na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música de Os Quinquilláns, Daboapipa e Paco Nogueiras; e as actuación de Guadi Galego e Guezos, o xoves 20.

Servizo de guías
Por outra banda, Turismo de Galicia prestará o servizo de guías turísticas e atención ao público no Castelo de Monterrei todos os días da semana. O horario das visitas no verán será de mércores a domingo de 13:30 a 17 horas e os luns e martes de 10:30 a 20 horas e a duración das mesmas de 50 minutos.