Ethel Vázquez

A conselleira Ethel Vázquez, valorou moi positivamente que o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado, renove por quinto ano consecutivo o compromiso investidor coa Comunidade galega.

A titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas subliñou que as contas do Estado recollen 1.363,9 millóns de euros para Galicia, polo que a Comunidade recibirá en 2016 o 12,3% do investimento produtivo de toda España. “Un compromiso cuantificable” que, segundo manifestou, atende en gran medida, as demandas formuladas pola Xunta, responde aos principais intereses da Comunidade e permitirá dar un importante pulo a aquelas infraestruturas que se consideran prioritarias.

O 75% do investimento provén do Ministerio de Fomento, con 1.239 millóns de euros, o que supón un incremento de case un 7% con respecto ao exercicio anterior. Isto sitúa a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma de España con maior investimento por habitante, 451 euros por persoa.

Investimentos en ferrocarril

Unha das principais partidas de Fomento para o vindeiro ano en Galicia serán os investimentos ferroviarios, que se verán incrementados respecto a 2015, ata acadar os 883,96 millóns de euros. Concretamente, a liña de alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense contará cunha dotación de 993,66 millóns de euros, dos cales 733,42 millóns están comprometidos para levar a cabo as obras no territorio galego, permitindo que continúen as obras de toda a liña, agás a integración ferroviaria en Ourense.

Adicionalmente, tamén se recolle unha partida de 1,2 millóns de euros para levar a cabo a tramitación dos proxectos básicos e os proxectos construtivos da nova liña entre Ourense e Vigo por Cerdedo.

Para favorecer a intermodalidade, Fomento destinará un total de 16 millóns de euros ás estacións de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo, dos que un millón son para a estación ourensá.

Investimentos en estradas
De igual xeito, o investimento de Fomento en materia de estradas aumentará o vindeiro ano respecto do proxecto de orzamentos para 2015, subindo a 230,7 millóns de euros.

Entre outros, destacan na nosa provincia a continuación da A-56, co treito San Martiño-Enlace da Barrela así como o inicio de obras da Variante Norte de Ourense; ou a A-76, Ourense-Ponferrada, na que se continuará coa redacción dos proxectos dalgúns treitos. Os orzamentos do vindeiro ano recollen tamén o proxecto da Variante de Monforte, da A-72.

Infraestruturas hidráulicas
En materia de medio ambiente están consignados 68,5 millóns de euros de investimento. A maior parte, tal e como sinalou a conselleira, destinados a infraestruturas hidráulicas, que acaparan 62 millóns, e van permitir continuar coa programación realizada para o saneamento e a depuración, entre outras, da cidade de Ourense.