Miguel Fidalgo e Laura Seara

A deputada Laura Seara cualificounos de “engano” con “previsións irreais” e “orzamentos inflados”.

 

Diametralmente oposta á valoración do PP sobre o proxecto de Orzamentos do Estado para 2016 é a análise que fan desde a bancada socialista. A deputada Laura Seara cualificounos de “engano” con “previsións irreais” e “orzamentos inflados”. Así, especificou que nos PGE hai uns 250 millóns de euros “flotantes” que “se orzamentan e non se gastan”. En concreto, aludiu ao investimento para a liña de alta velocidade: “estas contas contemplan para o conjunto do AVE a Galicia 731 millóns de euros pero é que as de 2015 contemplaron 578 millones e só van investir 376 millóns, e falo de investir, que non de executar”.

O senador Miguel Fidalgo engadiu a eses cualificativos o de “agravio”, por reservar só un millón de euros para a estación de tren de Ourense, “en lugar de estación central de Galicia vai ser un apeadeiro” , e porque na maioría das infraestruturas, “trátase dunha repetición das partidas de 2015 que o Goberno non executou”, como o reservado para o enlace Cambeo-Ourense da A-56 ou para a sede da Confederación Hidrográfica.

En canto a proxectos estratéxicos para a provincia, a deputada bota en falta “infraestruturas estratéxicas como os regadíos da Limia e investimentos reais tanto en estradas como medioambientais nos ríos”.

No caso particular do Museo Arqueolóxico, Seara tildou a partida prevista, de apenas cen mil euros, de “grandísima tomadura de pelo”. “Ata o propio alcalde, Jesús Vázquez, non tivo máis remedio que dicir coa cara colorada que non está de todo satisfeito”, engadiu a congresista trala rolda de prensa. A este respecto, Miguel Fidalgo dixo que o seu partido ten previsto presentar emendas e que agarda que Vázquez “lle diga ao PP que apoie esa emenda”.