O colectivo aposta por volver a aplicar ao “Espazo Xove” o modelo de coxestión coa mocidade dos tempos de Benito Losada.

 

A Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude compareceu ante os medios este xoves para valorar a moción presentada polo PSOE no último pleno da corporación ourensá ao respecto deste recinto, pois “contribuiu a visibilizar o problema no que a Plataforma leva traballando desde maio de 2014”, explicaba unha das súas integrantes, Laura Míguez.

Da moción aprobouse, cos votos dos socialistas e de Democracia Ourensana, a solicitude de municipalización da Casa da Xuventude-Espazo Xove, que é competencia da Xunta. Desde a Plataforma ven esta solicitude precipitada porque “non cremos que o debate deba estar na competencia senón no modelo de xestión”, analizaba Míguez. E é que o colectivo reclama a volta ao modelo de coxestión coa mocidade dos tempos nos que Benito Losada era o seu director. “Tivemos un exemplo de coxestión que foi magnífico, era un modelo en Galicia e funcionou moi ben”, engadía outro dos integrantes da Plataforma, Jose Vaquero. Por iso queren abrir “espazos de diálogo” coa Administración, para que aprobe un regulamento específico para a Casa da Xuventude, do que agora carece.

Canto ao resto de puntos da moción, tamén se aprobou a demanda de reubicar noutro lugar o Punto de Atención Familiar, que desde a Plataforma apoian, e o centro Quérote+, que ven “máis complicado” polo que piden unha mesa de debate sobre a decisión.

A Plataforma tamén estaba de acordo cos outros dous puntos da moción, a solicitude de cese da coordinadora do Espazo Xove, Mercedes Valeiras, e que se recupere a denominación Casa da Xuventude engadindo o nome do seu creador, Benito Losada. Non prosperaron, porén, debido ao voto contrario do PP.

A Plataforma anunciou a presentación en setembro dun informe comparativo sobre a actividade no centro na época de Benito Losada e na época actual, para desmentir as afirmacións da Xunta . “Non é certo que o nivel de actividades sexa equiparable ao que había antes de 2011”, salientou Vaquero. A súa compañeira recordaba que xa non se organizan “nin o Maio Xove, nin as 24 horas de teatro, nin a Casa Solidaria nin a Casa do Terror”.