Terraza na praza Paz Nóvoa

A actual normativa amósase insuficiente para atallar os incumprimentos por parte dos hostaleiros.

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo unha xuntanza con representantes coa directiva da Unión de Hosteleiros de Ourense, na que un dos temas centrais foi a aprobación dunha ordenanza de veladores “positiva para todos”. Incapaz o anterior goberno de consensuar unha normativa sobre terrazas co sector e co resto de partidos, os populares buscan agora contar “co apoio maioritario” da corporación e dos hostaleiros. Para tal fin, o rexedor explicou que se fará unha xornada de traballo para concretar aspectos da nova ordenanza.

Vázquez ve moi necesaria esta normativa pois a ordenanza vixente, moi antiga, amósase insuficiente. “Os procesos sancionadores son moi lentos, pasan varios meses ata que podes actuar”, explicaba o alcalde que asegurou que se están levando a cabo tanto inspeccións como expedientes sancionadores.

O político popular recoñeceu que “pode haber algún incumprimento” na colocación de mesas e cadeiras na vía pública e no pago das taxas por parte dos hostaleiros, pero sen precisar datos. Por iso urxiu a aprobar a nova ordenanza “canto antes” para poder ter un marco xurídico que permita “actuar con firmeza” ante estes casos. Quere normativas “pequenas pero claras de maneira que sexan cumpribles”.