Ten que contratar unha persoa de apoio ao seu grupo municipal.

Ourense en Común seguirá un proceso selectivo para designar o auxiliar político do seu grupo municipal. A asemblea da organización municipalista aprobou esta semana, despois dun mes de redacción e emendas, o proceso de selección que terán que superar as persoas que pretendan aspirar ao denominado “posto de confianza”.

Desde a «marea» ourensán destacan que «ao contrario que o resto de grupos municipais as persoas seleccionadas deberán superar tres fases nas que se avaliarán a súa capacidade curricular e méritos, a implicación co proceso e a súa capacidade de traballo en equipo. A afiniidade e participación no proceso municipalista de Ourense en Común valorarase cun máximo de 90 puntos, a valoración curricular e persoal un máximo de 100 puntos, e á selección final, que pode incluír entrevista persoal, un máximo de 60 puntos. É requisito previo para entrar na selección contar co título de graduado en ESO e o coñecemento da lingua galega acreditado polo CELGA III.

Con esta medida, Ourense en Común quere demostrar «que é posible un novo modo de facer política máis transparente, participativo e que antepón o ben común ao individual».

Todo o proceso de selección será público, transparente e comunicado en tempo real na  web e redes sociais de Ourense en Común. Os interesados en participar teñen ata o martes 11 para presentar a súa solicitude e a documentación solicitada para o posto. O día 17 celebrarase unha asemblea que dará a coñecer o resultado definitivo.