Convenios da Federación de Comercio

Os convenios permitirán levar a cabo actuacións de promoción por un importe de máis de 14.000 euros.

 

A Federación de Comercio de Ourense e as distintas asociacións gremiais e comarcais como son a Federación de Empresarios da Terra de Caldelas, a Asociación de Pasteleiros e Confiteiros de Ourense, a Asociación de Floristas de Ourense e Provincia así como a Asociación de Empresarios de Perruquería e Salóns de Beleza de Ourense veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar actuacións de revitalización do comercio de proximidade e incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial ao amparo da subvención tramitada pola Federación de Comercio de Ourense ante a Dirección Xeral de Comercio.

Todas as actuacións de promoción do comercio local solicitadas no expediente da Federación de Comercio de Ourense á Consellería de Economía e Industria foron aprobadas na súa totalidade.

Os convenios asinados coas distintas asociacións permiten levar a cabo actuacións por un importe global de 14.157 euros para realizar actividades promocionais do comercio local, entre as que cabe destacar as bolsas promocionais dos floristas ourensáns. Para incentivar o consumo pasteleiros, confiteiros e perruqueiros da provincia darán uniformidade e profesionalidade aos asociados mediante delantais promocionais e na Terra de Caldelas como xa ven sendo habitual a edición de calendarios.

Campaña de dinamización na capital ourensá

A Federación de Comercio de Ourense ao amparo desta subvención tamén ten previsto realizar nos vindeiros meses varias actividades de dinamización do comercio ourensán. Así, na capital ourensá do 28 de setembro ao 9 de outubro celebrarase a campaña “ As compras na túa vila teñen premio” organizada pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Ourense en colaboración coa Dirección Xeral Comercio e co apoio de Abanca e do Concello de Ourense.

A Iniciativa que contará con animación nas rúas e o venres 9 de outubro sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e 25 tarxetas regalo de 100 euros para mercar no comercio local, esto é premiará con un total de 4.000 euros a confianza no comercio retallista desta cidade.

A Federación de Comercio de Ourense tamén está a traballar no deseño da segunda edición da Campaña “En Ourense, merca e reláxate” con máis premios e novidades así como na organización de Xornadas para a revitalización do comercio e a incentivación do consumo, impregnando positivismo no sector, que se han celebrar proximamente na cidade de Ourense.

O presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez, salienta que «con estas accións previstas para o segundo semestre do ano demóstrase o gran esforzo que dende o asociacionismo se está a levar a cabo para intentar recuperar as pautas de consumo normais e manter o protagonismo do comercio tradicional tanto nas vilas como na capital”.