Centro de conservación de estradas autonómicas en Ourense

O director da Axencia Galega de Infraestruturas visitou en Ourense as instalacións deste servizo, nos que a Xunta investiu máis de 600.000 euros.

 

As obras do Centro de Operacións da Conservación de Ourense están na última fase, polo que estará en funcionamento este mesmo inverno. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou este venres as obras, ás que a Xunta de Galicia destinou 616.000 euros.

O director da Axencia, que estivo acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou que neste centro aglutinaranse os medios da Axencia Galega de Infraestruturas e os efectivos que se inclúen a través dos contratos de conservación, polo que traballarán preto de 70 persoas entre persoal técnico e de coordinación, de conservación e de operacións, que contarán con 15 vehículos e 10 tipos de máquinas de vialidade invernal.

Este centro de operacións está situado no Concello de Ourense, na glorieta de intersección das estradas OU-101, OU-510 e a rúa Bieito Amado, polo que destaca o seu fácil acceso á contorna e ás vías principais de comunicación, que facilita un servizo axeitado para conseguir unha mellora permanente nas infraestruturas do entorno.

Proxectouse unha edificación nun único volume con planta baixa e primeira, destinando a planta baixa para uso industrial de almacén de materiais, vehículos e servizos complementarios e a planta primeira para uso de oficinas.

Máis de 120 millóns de euros para conservación
Francisco Menéndez salientou o esforzo que realiza o Goberno galego para o mantemento e conservación da rede de estradas autonómicas, que na actualidade suma máis de 5.300 quilómetros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou un orzamento de 122 millóns de euros, para asegurar a conservación ordinaria e a vialidade invernal da rede de estradas de titularidade da Xunta de Galicia nun período de catro anos.