CHUO

Os socialistas denunciaran o caso dunha nova operación suspendida no CHUO por falta de material co paciente xa no quirófano.

A dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) lamentou este venres que o PSOE alarme á poboación «poñendo en dúbida a correcta organización e dotación cirúrxica deste complexo». Os responsables sanitarios ourensáns responden así ás críticas da deputada provincial socialista Elvira Lama, que denunciara que unha operación tivera que ser suspendida no CHUO por falta de material unha vez co paciente xa en quirófano.

Desde o CHUO lembran que neste complexo realízaronse, tan só o pasado ano, un total de 18.136 intervencións cirúrxicas. Ademais, as anulacións ou suspensións cirúrxicas son moi pouco frecuentes e tanto seu número, como causas, están axeitadamente rexistradas, sendo producidas maioritariamente por problemas médicos do paciente (o 25,5%), prolongacións de intervencións previas (o 27,3), inasistencia do paciente (o 14,4%), e, nun pequeno porcentaxe, por falta ou avería do material, o 5%.

De feito, a taxa de anulacións cirúrxicas do CHUO, ao igual que a do resto de hospitais de Ourense, é das mais baixas do Servizo Galego de Saúde, e están por debaixo da media do Sergas, fixada no 4,44%. Hai que lembrar que cando as causas da suspensión non son debidas ás condicións de saúde do paciente, estas intervencións reprográmanse a maior brevidade posible, sinalan.

Por último, tanto a dirección como o Servizo de Traumatoloxía do CHUO, lamentan as molestias que unha suspensión comportan, tanto para o paciente como para seus achegados, pero lembra «a altísima complexidade da organización cirúrxica, onde se manexan diariamente catálogos de centos de miles de diferentes tipos de material que, no caso de Traumatoloxía abrangue mais de 8.500 artigos de uso cirúrxico».

Ao Parlamento galego

Os socialistas levarán ao Parlamento a “gravísima situación” da sanidade na provincia de Ourense, onde nunha soa semana veñen de denunciar dous casos de pacientes aos que lles suspenden a operación estando xa en quirófano, nunha ocasión por falta de anestesista e noutra por falta de material cirúrxico. A voceira de Sanidade, Carmen Acuña, censura a xestión “caótica e vergoñenta” da xerente, Eloína Núñez.

Ademais do caso do paciente que non puido ser operado estando xa en quirófano do complexo hospitalario por “falta de material cirúrxico”, previamente o PSOE desvelara outro caso no hospital comarcal de Verín, onde a operación dunha muller houbo de ser suspendida despois de seis meses de espera tras estar unha hora no quirófano por “falta de anestesista”.

Ante estas situacións “insoportables”, os socialistas pedirán responsabilidades no Parlamento pola “nefasta” xestión de Eloína Núñez, que “segundo trasladan os profesionais parece intocable, non se sabe se pola súa relación de parentesco co presidente da Xunta”. Acuña afirma que “mesmo o persoal dos hospitais anima aos pacientes a facer reclamacións ante o que consideran unha calidade asistencial pésima” que, advirten, “pode ter consecuencias graves”.