Teatro, cachibol, natación ou tai-chi son algunhas das actividades de Asuntos Sociais para os maiores de 60 anos.

 

A concellería de Asuntos Sociais abre o prazo para a solicitude dos cursos do Programa de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia, dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Ourense. Desenvolveranse entre os meses de outubro 2015 e maio 2016, e son completamente gratuítos.

Informática para diferentes niveis, pintura, manualidades, música, teatro, actividade física, risoterapia, estimulación da memoria, lectura, habilidades sociais, tai-chi, pilates, cachibol e natación, desde a iniciación ao perfeccionamento, son as actividades ofertadas para este curso. A grande demanda destas actividades, das que cada ano se reciben máis solicitudes, obrigou ao departamento de Sofía Godoy a limitar o número de cursos a un máximo de tres.

Para anotarse haberá que presentar as solicitudes, do 1 ao 11 de setembro, nas oficinas da Concellería de Asuntos Sociais na rúa Bispo Carrascosa 8, en horario de 9 a 13 horas, ou na Oficina de Atención Cidadá da praza de Santa Eufemia 6 ou nos teléfonos 988 392909 ou 988 388171.

Informática para todos os públicos

Navegar por Internet, escribir textos para presentar na administración ou mercar nunha tenda da outra parte do mundo son só algúns dos ámbitos nos que a informática pode axudarnos na vida cotiá. Con este motivo, o Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (aula Cemit) do Concello de Ourense quere estender a experiencia informática para todos os usuarios e vén de publicar a súa oferta de cursos para os meses de setembro e outubro 2015: Iniciación á informática, Internet, Procesador de textos, Creación de páxinas web (en modo básico e modo avanzado), Retoque fotográfico, Ferramentas de nube, DNI electrónico e Mercar de forma segura na rede.

Os diferentes cursos desenvolveranse desde o 7 de setembro atá o 30 de outubro, e para anotarse, de forma totalmente gratuíta, só hai que pasar pola Aula Cemit, na rúa Progreso 44, ou a través do teléfono 988 374 523.