Premio Comercio con talento para La Torta

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, entregou o galardón deste certame no que estudantes de formación profesional foron os encargados de propoñer aos candidatos entre os negocios da cidade.

 

Sol Vázquez Abeal entregou este sábado o premio ao establecemento La Torta, gañador en Ourense do certame “Comercio con talento”, unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial galego, ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na iniciativa, que en Ourense se desenvolveu no CIFP Portovello e na Escola de Formación Profesional Santo Cristo, participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e marketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local. No caso de La Torta, foron propostos por un equipo de alumnos do Ciclo Medio de Comercio da Escola de Formación Profesional Santo Cristo de Ourense: Laura Blanco Fernández, Antía García Vila e Andrea Río Álvarez.

La Torta destaca polos seus produtos estrela: as tortas de nata, chocolate e do Peregrino. Este establecemento, rexentado desde hai pouco máis dun ano por Chus Troncoso, ofrece degustar outros produtos típicos da gastronomía galega como poden ser as bicas, ben sexan de pistacho ou de améndoa, as empanadas ou calquera outro tipo de biscoito.

Como complemento ao premio “Comercio con talento” desenvolveuse un concurso autonómico de fotografía co obxectivo de convidar á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging, no que foron recoñecidas dúas propostas ourensás. Así, Diana Torres Cambronero conseguiu o segundo premio deste concurso, dotado con 250 euros para mercar no comercio local, grazas á súa fotografía do comercio ourensán Kira Original. Por outra banda, a gañadora do quinto galardón, dotado con 50 euros, foi Ana Belén Iglesias López, que presentou unha fotografía da tenda de moda Teresa Fontao situada no concello ourensán de Barbadás.