Cestería de Santa Mariña de Augas Santas

Esta fin de semana terá lugar a sexta edición desta feira alaricana.

Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, reunirá esta fin de semana a cesteiros galegos e afeccionados a esta arte, no marco do VI Encontro de Cestería, organizado polo Concello de Allariz co obxectivo de recuperar os oficios tradicionais e dinamizar social e economicamente a localidade.

Participarán no encontro Carliños González (cestería mixta), Álvaro Martínez Leiro (cestería de colmo), Rubén Berto Covelo (cestería de vime), Lola Reimúndez (corozas de xunco), Carmen Recimil (sombreiros de palla centea). Tamén estarán presentes os alumnos e alumnas da Escola de Cestería de Allariz e Cid Tesouro (ferreiro local).

O programa inclúe obradoiros, exposición e venda, en horario de 11 a 13:30 e de 17 a 20 horas. Haberá un taller infantil ás 11:30 horas e ambientación musical a mediodía a cargo do rancho folclórico Roda de Prebesende.

Tamén está programado un xantar popular coa carne de boi como protagonista. Para participar é preciso reservar (14 euros)  na Casa da Cultura de Allariz ou no local social da asociación veciñal de Santa Mariña de Augas Santas, ata o xoves 27.