A mediodía do luns foi desactivada a “Situación 2”, declara ás 15 horas do domingo pola proximidade a vivendas.  Ás 11 da mañá do martes quedou controlado. Arrasou ata o momento unha superficie provisional de 3.180 hectáreas.
Dende o mediodía deste domingo 30 de agosto un incendio declarado en Lucenza (Cualedro) ten en vilo a veciños e servizos de emerxencia. Ás 15 horas dese mesmo día a Consellería de Medio Rural e do Mar declarou, como medida preventiva, a “Situación 2” neste lume, pola súa proximidade a vivendas das aldeas de Lamalonga e Serralleira. Ao mediodía do luns foi desactivada. Ás 11:03 horas do martes a Consellería de Medio Rural deu por controlado o lume. Ata o momento arrasou 3.180 hectáreas.

O forte vento e as elevadas temperaturas acadadas estes días dificultaron a extinción do máis grave incendio sufrido na provincia no que vai de verán, xa que chegou a queimar 300 hectáreas por hora e acadou os concellos limítrofes de Baltar, Xinzo de Limia e Trasmiras. Ata agora arrasou xa máis superficie da que ardeu en Galicia en todo o ano 2014.

Co fin de sofocar as lapas están a traballar 3 técnicos, 47 axentes forestais, 105 brigadas, 44 motobombas, 8 pas, 11 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Viana do Bolo

Tamén quedou extinguido ás 19:35 horas o lume rexistrado no concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Pradocabalos. A superficie afectada é de 116,66 hectáreas arboradas e 82,26 rasas. Nas tarefas de extinción participaron 1 técnico, 18 axentes forestais, 54 brigadas, 21 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións.