Celebrouse en Expourense o primeiro cumio provincial entre os alcaldes da provincia e o presidente da Deputación provincial.

 

Na reunión tratáronse temas de emprego, sociais e de cooperación. O presidente avanzou que os orzamentos do ente provincial para 2016 se incrementarán e incluirán un Plan de Axuda á Empregabilidade nos concellos e un Plan de Mocidade Activa, destinándose para o primeiro deles 900.000 euros e para o segundo un total de 600.000 euros. Ademais diso, explicou que se porá en marcha un Plan de apoio á natalidade, dotado cun millón de euros, e que o Plan Provincial de Obras incrementará a contía correspondéndolle a cada concello 52.500 euros máis 3.000 euros do proxecto.

Por parte dos alcaldes interviron no cumio os rexedores de Allariz, Ribadavia, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Os Blancos e Cenlle, quen reclamaron das administracións un maior equilibro territorial, solidariedade financeira e intensificar o traballo en rede para potenciar as singularidades comarcais como son os ámbitos forestal, da viticultura, e da lousa, entre outros.

Seminarios
Desde o propio ente provincial realizaranse, no mes de outubro dous seminarios dirixidos aos alcaldes, un sobre “Como gobernar un concello”, impartido por Jiménez Asensio, e outro sobre “Liderado político”, a cargo da Fundación Democracia e Goberno local.