A Xerencia de Xestión Integrada reconvertíu espazos de uso administrativo e de almacén para ampliar o espazo asistencial e mellorar a confortabilidade dos pacientes.

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense vén de ampliar o espazo asistencial do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa construción dunha nova Sala de Diagnóstico e Tratamento, de máis de 180 metros cadrados, con capacidade para 27 pacientes, que dá resposta ao déficit de espazo que este servizo tiña desde a súa construción.

Para elo a Xerencia reconvertíu para uso asistencial espazos de uso administrativo e de almacén, como despachos, salas de estar e de reunión de profesionais. Con esta medida a Xerencia ten por obxectivo non só mellorar a humanización e confortabilidade senón tamén a operatividade do propio servizo, xa que permite un maior fluxo de pacientes, o que se espera revirta nun menor tempo de acceso a asistencia.

Con esta reforma o Servizo de Urxencias do CHUO constitúese como un dos mellor dimensionados e estruturados do seu entorno, con máis de 3.000 metros cadrados adicados a espazo asistencial, distribuídos en: Sala de Admisión, Triaxe, salas de espera de pacientes e de familiares, Unidade de Información de Urxencias, 3 consultas rápidas, sala de críticos e reanimación; 18 boxes de atención xeral e 1 de psiquiatría; Consulta de Traumatoloxía; Consulta de Psiquiatría; controis de enfermería; Sala de Traballo de Facultativos; Unidade de Observación con 18 camas; Unidade de Alta Resolución con 10 camas; Sala de Tratamento rápido con 8 postos, e sala de espera de resultados con 10 angarellas.

Proxectos de Innovación aplicados a Urxencias
As Urxencias do CHUO, ademais de as dos hospitais de Verín e Valdeorras, coordinadas cun Punto de Atención Continuada e o 061, implantarán este ano o Sistema Xestión Intelixente de Urxencias “SIGUR”, que permitirá xestionar tódolos efectivos urxentes dispoñibles, mellorando tanto a información como a coordinación do proceso asistencial. Proxecto que se pilotará desde Ourense para súa extensión a outros hospitais do resto de Europa.

Outros dous proxectos a piques de iniciar súa andaina en Urxencias, serán o TRAZA, que converterá ao CHUO no primeiro servizo de urxencias, a nivel europeo, que conte cun mapa integral da trazabilidade de pacientes, podendo coñecer, en tempo real, tanto a evolución do seu proceso asistencial, como a súa localización exacta dentro do hospital.