O sindicato reclama que se investigue o accidente que se produciu no túnel do Corno,  e que se saldou cun morto e un ferido grave.

A CIG quere unha investigación para esclarecer os feitos que provocaron un accidente cunha vítima mortal e un ferido grave no túnel do Corno, no termo municipal de Laza, na madrugada deste martes. O sindicato recorda que esta é a quinta vítima mortal no tramo ourensán.

Denuncia
A empresa COPROSA, á que pertencían os obreiros accidentados, xa fora denunciada polo sindicato o pasado marzo por, entre outras, non respectar as medidas de seguridade e saúde laboral, ademais da normativa de prevención. A CIG acusa á Inspección de Traballo, xa que «semella só interesa o cumprimento meramente formal e documental da prevención, e non a realidade da mesma».

Continuando coa denuncia, o sindicato lamenta que a Consellería de Industria, encargada legalmente de velar pola seguridade no interior dos túneles, «non dispoña dun só inspector especializado na materia en toda Galicia».

Accidente
Este accidente saldouse cun morto e un ferido grave. Produciuse cando os operarios estaban a realizar o seu traballo desde unha máquina elevadora a unha altura de catro metros, para preparar o teito do túnel para proxectar a gunita.