Instalará iluminación decorativa e organizará campañas de promoción e actividades de dinamización dos barrrios.

O Concello de Ourense reforzará o apoio ao comercio local para a próxima campaña de Nadal, colaborando estreitamente coas diferentes asociacións do sector. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participou na xuntanza da Mesa de Comercio Local, na que trasladou ás asociacións da cidade a vontade do goberno municipal de prestar o seu apoio ao comercio local nestas festas estratéxicas para a súa actividade, con diferentes medidas de apoio, coordinadas coas asociación, como son o reforzo da iluminación de Nadal, incrementando sensiblemente o número de arcos e zonas iluminadas nos accesos, glorietas, zonas emblemáticas e os diferentes barrios da cidade; desenvolvemento dunha campaña de promoción do comercio local, que incentive o consumo nos establecementos comerciais da cidade; elaboración dun programa de actividades culturais, de lecer e dinamización dos barrios que contribúan a estimular o ambiente festivo; e implicación directa do Concello en actividades como o concurso de escaparates.

O alcalde convidou expresamente ás asociacións do sector a presentar as súas propostas e coordinar accións, integrándoas dentro da programación de Nadal do Concello para acadar os mellores resultados

Contratación do alumeado
Jesús Vázquez informou ás asociacións que o Concello aprobou esta semana a contratación, por procedemento aberto, do servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento, e posterior retirada do alumeado de Nadal 2015-2016, cun investimento de 84.700 euros, que permitirá dotar á cidade dos tradicionais arcos e demais elementos decorativos de iluminación artística que contribúan a reforzar o ambiente festivo nas rúas e prazas da cidade, e estimular a actividade do comercio local nestas datas tan significativas.

O servizo inclúe a instalación da iluminación, a súa posta en funcionamento, o mantemento e tamén a posterior retirada do alumeado, que se ubicará nas entradas á cidade, nas glorietas, no centro da cidade, o Casco Vello, e os diferentes barrios da cidade.

O prego deixa aberta a posibilidade de incrementar o número de arcos e elementos decorativos se as asociacións comerciais se implican. Tamén se implicará a administracións e outras entidades para que doten de iluminación artística aos edificios máis emblemáticos.