Pleno da Deputación

No pleno ordinario do 25 de setembro aprobouse inicialmente o orzamento xeral para o exercicio 2016.

 

A Deputación de Ourense aprobou inicialmente o orzamento xeral para o exercicio 2016, cos votos favorables do grupo de goberno do Partido Popular. Convértese así na primeira administración pública que aproba os seus presupostos para o ano seguinte no mes de setembro. O orzamento experimentará un incremento do 2,65 %, pasando de 75,7 a 77,7 millóns de euros, e dispoñerase de 15,6 millóns de euros para investimentos produtivos, mentres que a débeda sitúase no 32 %, mantendo unha progresiva redución dende 2012, ano no que estaba no 116 %.

En canto ao orzamento, as contas para 2016 confirman coa subida dos orzamentos a tendencia marcada no exercicio anterior: «a recuperación da facenda provincial, sendo as prioridades os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e o desenvolvemento do Plan Ourense 15-19, cos obxectivos centrais dunha visión integral de provincia e o desenvolvemento rural sostible”, afirmou o presidente do goberno provincial.

Os orzamentos recollen unha redución da amortización da débeda nun 19,37 % e igualmente unha redución dos intereses financeiros nun 81,87 %.

Por áreas, as partidas de gasto en Infraestruturas será de 25,5 millóns de euros, mentres que en Augas e Medio Ambiente será de 15,1 millóns, en Cultura e Deportes de 8,4 milóns e en Benestar de 7,2 millóns. Asemade, o Inorde tamén ve incrementado o seu orzamento, pasando de 1,4 a 1,65 millóns de euros.

Os investimentos produtivos superarán en 2016 os 15,6 millóns de euros, e como accións diferenciadas, os orzamentos contemplan aspectos como o “Clúster” do Viño, potenciar a “Marca Ourense”, o evento cultural e musical ICC week, e a internacionalización de empresas ourensás.

Para axudas públicas os orzamentos 2016 destinarán máis de 1,2 millóns de euros a ámbitos do fomento do deporte, benéfico, actividades culturais, escénicas e musicais, grupos políticos, axudas a deportistas e Rallye de Ourense.

No que atinxe ao persoal, en 2016 o gasto será o 37,50 %, que se incrementa dous puntos con respecto a 2015 por mor dos novos postos nos grupos políticos, polo incremento do 1 % do salario dos funcionarios e polo pago do 75% da paga extra pendente, que se abonará en xaneiro de 2016.

Outros acordos

No pleno ordinario deste venres destaca tamén a aprobación da adhesión da Deputación á rede de entidades locais para a transparencia e a participación cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias, como socio titular, e á adhesión á Asociación Europea Partenalia, que actúa como o principal lobby de gobernos intermedios diante da Unión Europea.