Mosteiro de Oseira

O festival leva a San Cristovo de Cea un obradoiro de música antiga no que participarán a frautista Ilse Strauss-Weisz e o laudista Wolfgang Praxmarer.

 

As frautas de bico e os seus repertorios serán protagonistas da nova sesión do ciclo de música e patrimonio ‘Espazos Sonoros’ da Consellería de Cultura e Educación, que este sábado chegará ao mosteiro de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea, cun obradoiro de achegamento á música antiga no que poderán participar as persoas inscritas.

Moderado polo músico e investigador Andrés Díaz, e coa presenza –xunto con reputados músicos galegos especialistas no instrumento– da frautista austríaca Ilse Strauss e do laudista e xornalista musical Wolfgang Praxmarer, o obradoiro, que comezará ás 16:30 horas, ofrecerá un paseo pola historia da frauta de bico e os seus repertorios, ao tempo que se exemplificarán os contidos mediante a proxección de representacións iconográficas e a interpretación dun conxunto de frautas de diferentes modelos, épocas e construtores. Como complemento ao obradoiro, Ilse Strauss ofrecerá un pequeno concerto que fará un percorrido por cinco séculos de música, desde a Idade Media ata o Barroco.

O obradoiro de achegamento á música antiga, que chega á súa quinta edición no marco de «Espazos Sonoros», escolle desta volta un espazo de grande interese como é o antigo refectorio do mosteiro de Oseira, unha dependencia que data do século XVI e que foi reconstruída hai algunhas décadas ao quedar arruinada durante o proceso de abandono que sufriu o mosteiro logo da desamortización, no século XIX. Previamente á realización do obradoiro, as persoas inscritas na actividade terán ocasión de participar nunha visita guiada polo mosteiro, para coñecer a igrexa, os claustros, a botica ou a antiga sala capitular, xunto con outras dependencias do conxunto monacal.

Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, o festival de música e patrimonio ‘Espazos Sonoros’ 2015 continúa a vindeira semana a súa singular programación de concertos e actividades para a descuberta de valiosos lugares do patrimonio galego.

Todos os concertos de ‘Espazos Sonoros’ son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.